02 novembro 2005

De cómo naceu todo isto (os comezos I)

Todo empezou no mes de Agosto; era o último día das festas do 96 e a noite estaba aburrida, chovía e non había moito ambiente. Despois de pulular por tódalas barracas, acabamos queimando os penúltimos cartuchos nun bingo no que o chou, en forma de numeradas esferas brincadeiras, había muda-lo rumbo das nosas vidas. A fortuna regalounos medio bingo, que alguén suxeriu trocar por un termo, para que nos acompañara ata as tascas do peirao: Malecón, Plaza, Maruxía,...e como por cousa de meigas –porque habelas hailas- a noite deu un xiro espectacular: do aburrimento pasamos ó desenfreo, e o culpable era un termo vermello. Pronto empezamos a danzar con él, pasándoo de man en man. Non tardou en converterse no centro da festa que él só animaba ó ritmo de “El Venao”. Exaltados e sudorosos corros requerían a presencia do cónico utensilio para presidi-las súas danzas. Xa estaba armada unha boa...e logo outra...
O día seguinte volvimos á “Tasca do Malecón” para inxerir ese líquido-narcótico elemento e a lembra-los momentos máis gloriosos da anterior noite cando, de sócato, alguén reparou nunha esquina na que, aboiado pero triunfante, estaba...¡¡¡O TERMO!!! Decidimos que aquel aliado noso merecía un final mellor que rematar nun curruncho de taberna de porto de mar. Collémolo, reparámo-las súas feridas con toda a ciruxanoplástica precisión que a cinta aislante nos permitía, e insertamos no seu interior unha nota na que o potencial lector era convidado a inxeri-lo elixir termal na, por dúas veces xa, mencionada tasca.
[...] Pero o traxidóce momento da despedida liberounos de preguizas e, ó berro de ¡¡¡CHANG-PAI, WANIN-KAI!!!, –como rezaba na súa, agora, semihermeticamente selada tapadeira- fomos en procesión marítimo-portuaria-vespertina ata o paredón do rompeolas. Alí, sempre en posición Xericó, brindámoslle o final que merecía aquel primeiro e mítico termo, o final mariñeiro ó que estaba predestinado; botámolo ó mar con respeto e admiración e, sen perde-la posición inicial, agardamos a que fose engulido polo horizonte.
Volvimos testibaixos ó Malecón; esa botadura térmica simbolizaba a fin das festas de Agosto, e o verán reclamaba xa outra cocedura. Ninguén podía sospeitar que aquela tarde de froallante choiva...¡¡¡NACÍA A FESTA DO TERMO!!!

Ningún comentario: