25 agosto 2006

Nota de prensa enviada aos medios

A FESTA CELÉBRASE EN RIBEIRA OS VINDEIROS DÍAS 27 E 28 DE AGOSTO

TONHITO DE POI E WLADIMIR DRAGOSSAN INAUGURAN A XI EDICIÓN DA FESTA DO TERMO

UNHA PERFORMANCE EN HOMENAXE AO PANO DE MAN, ENTRE OS ACTOS DO PROGRAMA


República do Termo, 25 de agosto

Os vindeiros días 27 e 28 de agosto celébrase en Ribeira e na República do Termo a XI edición da Festa do Termo, que neste 2006 conmemora os dez anos do nacemento de tan sobranceiro festexo.
A Comisión da Festa do Termo asinará o domingo pola tarde un convenio co webmaster de barplaza.com para a difusión dos actos deste ano en tan visitado medio de comunicación global. Posteriormente celebrarase no Bar Plaza unha rolda de prensa coa presenza da Comisión e o Presidente. Inmediatamente despois, o polifacético músico e showman Tonhito de Poi será o encargado da lectura do pregón co que se abre oficialmente a tan “agardada festa”, segundo palabras dos seus propios usuarios.
O Bar Plaza de Ribeira acollerá un dos actos principais desta undécima edición. Rafael Pintos, o coñecido Wladimir Dragossan da televisión, regresa por segundo ano á Festa do Termo (a súa primeira visita tivera lugar no 2001), nesta ocasión para presentar o seu último libro, o poemario “Os ollos de acibeche” (Edicións do Castro). O acto será ás oito da tarde. Wladimir Dragossan estará dispoñible para entrevistas cos medios ás sete da tarde, tamén no Bar Plaza.
Algúns dos actos principais e clásicos da festa terán lugar esa noite, tales como a Tradicional Cea Termal, a maratón espida ou a entrega dos premios Termo Frío-Termo Quente. Como novidade deste ano destaca a performance-homenaxe que os membros da Comisión e os usuarios da festa brindarán ao tan habitualmente denostado e pouco valorado pano da man. A Comisión da Festa do Termo tamén se irmanará cos membros da AEP (Asociación de Amigos de Esteso e Pajares), e lembrará os grandes momentos cómicos deixados xa para a historia de España e do cinema por esta parella de xeniais actores da man do realizador Mariano Ozores.
O luns celebraranse outros momentos clásicos da Festa do Termo, entre os que sen dúbida destaca a Proclamación da República do Termo, como non, nos territorios da República do Termo (despois de Ribeira e antes de Palmeira). O lonche pelotari, o salto do seto ou a procesión marítimo-portuaria-vespertina coa lectura do manifesto termal serán outras das actividades que manterán ocupados aos membros da Comisión e aos usuarios sobranceiros e devanceiros da festa.
Nesta undécima edición da Festa do Termo sentémonos na obriga de agradecer a manisdixital.com pola súa colaboración na festa e o seu interese na súa promoción. A información do que aconteza poderá verse en festadotermo.blogspot.com. Os medios de comunicación interesados en dar conta do acontecemento poden poñerse en contacto cos seguintes membros da Comisión: Glousse (6.........) e Inclei (6.........).
CHANG-PAI WAN IN KAI !!
CHANG-PAI WAN IN KAI !!
CHANG-PAI WAN IN KAI !!
VIVA A FESTA DO TERMO !!

Ningún comentario: