








PREGÓN DA FESTA DO TERMO 2003
VIII EDICIÓN
Señor Presidente da República do Termo,
Señora Presidenta da República do Termo,
Excma. Comisión da Festa do Termo,
Estimado Senado Termal,
Querido pobo republicán,
Miñas donas, meus señores.
Este ano a Comisión da FESTA DO TERMO non pode non ver tinxida a natural e espontánea ledicia que a caracteriza por una lóxica tristura provocada polo pasamento de dous titáns da nosa cultura. Estoume a referir a D. Carlos García Bayón, ilustre cronista da vila veciña á nosa República e a D. Domingo García Sabell, expresidente a RAG e sonado medico e ensaista membro da xeración Galaxia xunto a Ramón Piñeiro, Celestino Fernández de la Vega ou Xoán Rof Carballo. Para eles a nosa garimosa lembranza e o noso respetuoso silencio. Prégovos, pois, un solemne minuto de silencio.
Por favor, 3 Changuepais na súa memoria.
Pero a Comisión non pode deixarse asulargar polas bágoas que xurden libremente coma auga de Fondevila, nin pode deixarse afundir como se fose un petroleiro levado de riba para abaixo pola incompetencia culpável dos de sempre. Non, este ano a Comisión estivo sometida a incribeis presións persoais, sociais e mesmo familiares que, por un intre, nos fixeron dubidar da nosas propias forzas. Pero, aquí estamos, un ano máis dispostos a falar alto e claro, para que nos escoite quen quixer escoitar. Non calaremos, non gardaremos silencio ante as inxustizas disfrazadas de electoralismo e clientelismo que caracterizan ós nosos gobernantes. Non calaremos ante o desastre urbanístico froito da especulación e do caciquismo. Non gardaremos silencio ante a incompetencia e a soberbia de quen nos goberna.
Velaí o tedes. (Sinalando enfrente, coma Colón). Velaí o tedes. Un monolito froito do autobombo, do autoensalzamento, da soberbia. Un monolito feito para homexaear a un home que non fai o que ten que facer: administrar con equidade e xustiza o que é de todos, de todos nós, de cada un de vós. E se ainda o fixera merecería o soldo que xa cobra, pero non un monolito por facer o que debe facer.
Un monolito. Un monolito que nos convertemos na primeira homenaxe mundial a Stanley Kubrick. Un monolito que nos retrotrae á época prehistórica dos homínidos, dos primates, dos monos. Paradoxalmente esa época non parece estar tan lonxe de nós. Se non o credes, mirade o monolito. Mirade o monolito. Ule a forza a animal, a poder salvaxe, ule a oso, a “osito Gumi”.
Nós, polo contrario, non honramos a xente así. Honramos a persoeiros sobranceiros, a xente que verdadeiramente o merece. Honramos a D. Ramón. A D. Ramón Dominguez Sánchez, médico ilustre que nunca se cansou de facer ben de xeito desinteresado. De xeito desinteresando, repito. Un home ó que cáseque ninguén coñece. Un home esquecido ó que nós queremos librar dese inxusto ostracismo. ¡¡3 Chaguepais por D. Ramón¡¡
Neste pregón non podemos non facer mención ó afundimento do Prestige. Pero do chapapote xa se falou moito, por iso nós non imos engadir nada máis, pero queremos contribuir humildemente a que non se esqueza NUNCA MÁIS. Nunca Máis. Nunca Máis.
O prato forte desta oitava edición acaba de ser inaugurado hai só uns minutos. ¡¡Sr. Alcalde, cámbielle o nome á rúa General Franco!! Non gabemos a quen non merece senón desprezo, non honremos a quen non paga a pena. ¡¡Sr. Alcalde, imos en serio, fáganos caso e ata quedará ben diante da cidadanía, fáganos caso que vai sair outra vez nos telexornais!! Fáganos caso que somos boa xente e querémoslle ben. Por certo, tres chaguepais por Ben, que sempre cubre a proclamación da república. 3 Chaguepais.
Ben. Imos rematando que hai que ir indo para o acto de irmanamento coa AFP (Asociación da Farola do Praza). Pero non pdemos poñer o punto e final deste pregón sen lembrala figura do defunto Chaparrito, o mago do suspense, ó que nestes momentos máis que nunca botamos en falla porque nos gustaría que coa súa maxia fixera desaparecer do ámbito público a algúns que vos sabedes. Sen máis, pois, declaro inaugurada a oitava edición desta Festa do Termo facendo outros 3 Changuepais.
¡¡¡CHANG PAI WAN IN KAI!!!
Glousse de Mousse, comisionado da Festa do Termo e mozo católico, demostra co exemplo como se pode conxugar con aproveitamento o ocio insular canario-vespertino coa entrega ás máis recomendábeis lecturas. Dende Lanzarote, saúda en posición Chang-Pai pola ledicia de atopar este refuxio do saber. Dende aquí, con agarimo, dedicámosche un Wan in kai.

FESTA DO TERMO
COMISIÓN
Querido director:
Quixeramos agradecer o pulo e estímulo que nos proporcionou a columna de Mar Dopico publicada o pasado sábado día 17, na que lamentaba a ausencia da Festa do Termo. De tódolos xeitos sentímonos na obriga de corrixir o seu contido, pois en ningún momento a Festa do Termo deixou de celebrarse. Neste décimo aniversario, que onte tivo lugar na República do Termo e na veciña Ribeira, os membros da Comisión optamos por un retorno ás orixes de tan sobranceira e devanceira celebración, e fixemos da intimidade e o recollemento o noso lema (a máis das célebres verbas proferidas de xeito espontáneo-sorpresivo-vespertino pola segunda xeración de comisionados: “¿A dónde vas, papi?”).
As últimas edicións da Festa do Termo caracterizáronse pola crecente masificación e incorporación de usuarios, polo que neste décimo aniversario retomamos un dos nosos antigos lemas, “¿Que facemos coa xente?”. A máis, a Festa do Termo sempre estivo ó servizo da Comisión, non a Comisión ó servizo da Festa, polo que a flexibilidade nas datas é unha das súas características máis destacábeis.
Agradecendo por suposto a atención que o xornal lle prestou durante esta década á Festa do Termo, despedímonos agardando a vosa compaña nos vindeiros dez anos. Póñanos ós pes das súas redactoras. Un saúdo especial a Ana Gerpe e Simón Balvís.
CHANG-PAI WAN IN KAI!!!!!!
República do Termo
18 de setembro de 2005