04 abril 2006

Texto do Irmanamento 2003

A continuación ofrecémosvos o guión completo do acto de Irmanamento entre o Termo e a AFP, celebrado en 2003 e lido por Marga Pazos e Quique Morais. É o que introduce Marga no vídeo.

-----------------

SOLEMNE ACTO DE IRMANAMENTO

COMISIÓN DA FESTA DO TERMO – AFP

RIVEIRA, 11 DE AGOSTO DE 2003

(REPICHOCA GAITEIRA)

MARGA PAZOS: Estimado Sr. Alcalde, Concelleiros, Sr. Cuiña Crespo, Sr. D. Ramiro Carregal, Membros da Comisión da Festa do Termo, da Asociación da Farola do Plaza, usuarios sobranceiros, amigos da Festa do Aplique, amigos da Festa do Termo, Sr. Presidente vitalicio, Sr. Presidente da AFP, Presidenta (eu), curiosos varios, moi boas noites e benvidos todos a este solemne acto que marcará o comenzo dun camiño compartido da man dos dous colectivos máis destacábeis das proximidades da veciña Riveira.

Hoxe, A Comisión da Festa do Termo, organizadora da Festa do Termo que este ano acada a súa oitava edición, e a Asociación da Farola do Plaza, organizadora da Festa do Aplique, este ano na súa terceira edición, celebran con este acto o seu irmanamento.

(MARGA ANUNCIA APLAUSOS e TRES CHANG-PAI)

QUIQUE MORAIS: Un irmanamento é ante todo un acto de alegría e de felicidade, a ledicia de dous irmáns que queren comparti-lo moito que teñen en común.

A Farola do Plaza, perante a que nos encontramos, exemplifica unha das características máis destacables que a AFP e a Comisión da Festa do Termo comparten, un espacio terrorial propio, esta insigne farola no caso da AFP, a República do Termo no caso da Festa do Termo.

Pero non son só as fronteiras as que fan que os dous grupos se atopen hoxe no camiño. Tanto na AFP como a Comisión da Festa do Termo as ideas governan, a imaxinación preside e o bo humor e a amizade lexislan. Un termo e un aplique de luz son os únicos elementos precisos para a unión dos seus membros. Os imposibles nomes dos seus compoñentes, de Glousse de Mousse a Pánico, de Rilou de Pilou a Rappael de la Guetto, son expresión da súa filosofía.

(QUIQUE ANUNCIA APLAUSOS)

MARGA PAZOS: A idea do irmanamento entre a AFP e a Comisión da festa do Termo naceu sen embargo lonxe da súa terra, nun lugar afastado da República do Termo e da Farola do Plaza –ambas inclusive-. Naceu na diáspora. Hoxe moitos membros da AFP están fora e non poden asistir en persoa, aínda que si en espírito, a este solemne acto.

Para eles vai dedicado este momento de lembranza. A Continuación, James Joyce, da AFP, dará lectura ós nomes de todos aqueles que hoxe non poden estar. De fondo, Loris Deloris, da Comisión da Festa do termo, fará a aportación musical.

(JOYCE LE OS NOMES MENTRES LORIS TOCA A GAITA)

QUIQUE MORAIS: Chegados a este punto é o momento de que tomen a palabra os representantes dos dous colectivos.

En primeiro lugar falará Pánico en representación da AFP.

(FALA PÁNICO)

MARGA PAZOS: E agora o turno da Comisión da Festa do Termo. Ten a palabra o Presidente Vitalicio, Trainy de Rainy (lese TREINI DE REINI).

(FALA O PRESI).

(MARGA ANUNCIA APLAUSOS E TRES CHANG-PAI)

QUIQUE MORAIS: Unha das expresións de ledicia da Comisión da Festa do Termo é a danza do Binco. A continuación, a comisión da Festa Do Termo executará a insigne danza, convidando ós membros da AFP a que participen, como símbolo do irmanamento.

(A COMISIÓN DO TERMO E OS MEMBROS DA AFP BAILAN A DANZA DO BINCO).

MARGA PAZOS: A continuación, o Presidente vitalicio da Festa do Termo e o usuario sobranceiro Secho intercambiarán a camiseta da Festa con James Joyce, da Asociación da Farola do Plaza.

(INTERCAMBIO DE CAMISETAS)

QUIQUE MORAIS: Imos xa rematar este acto co momento máis importante. A Comisión da Festa do Termo vai facer entrega dun obsequio á AFP que lembrará por sempre o irmanamento.

Ten a palabra GLOUSSE DE MOUSSE, da Comisión da Festa do Termo.

(GLOUSSE FALA DO OBSEQUIO. CANDO REMATA, QUIQUE ANUNCIA QUE PARA O SOLEMNE MOMENTO ADOPTARASE A POSICIÓN XERICÓ, TANTO POLOS MEMBROS DA AFP COMO OS DA COMISIÓN DA FESTA DO TERMO; GLOUSSE E JOYCE DESCUBREN O REGALO. APLAUSOS).

MARGA PAZOS: Isto foi todo, agora que a Festa do Termo e a Festa do Aplique ocupen a vosa noite. Noraboa ós membros da AFP e da Comisión da Festa do Termo.

¡VIVA A AFP!

¡VIVA A FESTA DO TERMO!

(TRES CHANG-PAIS)

FIN

Ningún comentario: